
Ódiasme, miña nena ? Repúgnasme ? Vaia pregunta que che fago, non ? Como ías ti odiarme. De feito, estou segura de que non existe espazo no teu corazonciño para semellante sentimento. Tan segura estou diso como de que a discriminación só se atopa en antigas enciclopedias, e a avaricia, a gula e a envexa están en perigo de extinción. A pobreza é vana e xa máis nada podemos facer por ela. Violencia ? Ese si que é un termo inexistente. Hostilidade, enfermidade e desigualdade trátanse de utopía, e, extintas as fronteiras, arderon as bandeiras. A amnistía non é precisa, posto que non hai nada para perdoar. Tan certo é como que non existe a fame neste mundo, e de tanta paz xa estamos aborrecidos. Tan certo como que as persoas se moven por honor, xustiza e respecto, defendendo por riba de todo a amizade e a familia, exactamente como eu fixen contigo, miña rula. Non te deixei diñeiro, non, mais este non é preciso. A morte? Pois ... segue a haber mortes, ese é un tema aparte. En canto á miña, agora si, asegúrote que non foi un suicidio, que motivos tería eu para iso neste mundo ?
Son unha mentireira? Pois si, pode ser. A única verdade aquí escrita é que nada é verdade.
Mais non te apures, miña nena, non sigas o exemplo da túa nai. Aborréceme!! Repúgname!! e ... Ódiame!! Pero como boa persoa que es... Desobedéceme!!, e fai de toda esta gran mentira unha maior verdade.
